Conservatorio Superior de Música de Vigo

Historia

A especialidade de Musicoloxía implantouse no Conservatorio Superior de Música de Vigo no curso 2006-2007. Esta era unha vella demanda que por fin se viu cumprida pois, ata ese momento, o alumnado galego que quería realizar estes estudos tiña que desprazarse a centros de fóra da comunidade.

A implantación foi progresiva, de xeito que, ata o curso 2009-2010 non se completaron os catro cursos, que segundo o plan de estudos vixente naquel momento, LOXSE (Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo do ano 1990), conformaban a especialidade.

No curso seguinte, 2010-2011, ponse en marcha un novo plan de estudos, que nace ao amparo da Lei Orgánica de Educación (LOE) do 2006 e adapta estas ensinanzas ao Espazo Europeo de Ensino Superior. É tamén neste momento cando se decide, por parte da Administración, cambiar a orientación da especialidade e implantar o itinerario de Etnomusicoloxía, en substitución da opción Histórica vixente ata o momento.

Desde o curso 2014-2015, pódese estudar neste centro a especialidade de Musicoloxía nos dous itinerarios existentes: Etnomusicoloxía e Musicoloxía Histórica.