Inicio

Adóitase falar do alto rendemento asociado ao deporte de elite, pero hoxe en día xa ninguén pode dubidar de que unha actividade como a interpretación musical é outro dos ámbitos que requiren execucións do máis alto nivel. No deporte isto está asumido, sendo habitual atopar profesionais especializados en axudar aos deportistas a mellorar os seus recursos para o adestramento e a competición.

Acadar un bo rendemento durante a interpretación artística depende dun conxunto de factores que actúan en interacción. Xunto coa calidade técnica, o control de diferentes aspectos cognitivos e emocionais (atención, memoria, estrés, expectativas, confianza…) serán determinantes para alcanzar un estado que favoreza unha boa execución.

Estas habilidades psicolóxicas poden ser avaliadas e melloradas mediante programas de intervención que demostraron a súa eficacia noutros terreos moi similares, como a danza ou os deportes artísticos. Por esta razón, consideramos utilizar os coñecementos e avances da Psicoloxía da Interpretación Artística para detectar os principais factores que poderían intervir en que os nosos alumnos consigan mellorar as súas habilidades técnicas e artísticas, cara ao deseño de futuros proxectos de intervención na procura de mellorar o seu rendemento académico, técnico e artístico.

Con esta fin proponse a implantación dun servizo de psicoloxía da interpretación musical que abarque dúas facetas principais: a investigación e a intervención. O obxectivo para este curso é realizar un diagnóstico de necesidades coa fin de detectar as principais áreas de interese para a intervención psicolóxica. Esta información permitirá planificar adecuadamente as intervencións, que serán deseñadas utilizando a metodoloxía científica co propósito de asegurar que sexan reproducibles e poder contrastar os resultados obtidos.

O servizo nace, en definitiva, coa vocación de ser útil para todos aqueles alumnos do conservatorio interesados en mellorar o seu rendemento académico, musical e artístico, seguindo sempre unha metodoloxía auto-avaliativa que comprobe que as actividades programadas conseguen os obxectivos planificados e asegure que as súas intervencións contribúen, en efecto, a conseguir as melloras esperadas.